I Encontro Off Cultura de Cidade
En paralelo ao I Encontro de artistas novos Cidade da Cultura. Diálogo construtivo sobre arte contemporánea, que mediante lista pechada se celebrará en Santiago de Compostela do 4 ao 9 de setembro na Cidade da Cultura, o I Encontro Off de creadores novos Cultura de Cidade ofrecerá en Baleiro un espazo aos creadores locais, nacionais e internacionais para manter unhas xornadas de traballo e reflexión aberta sobre a arte, a cultura contemporánea e as súas problemáticas. Así, este espazo común convertirase nunha posibilidade de intercambio e debate sobre aspectos esenciais da creación artística e a súa proxección no mundo real mediante a construción crítica, colectiva e profesional dunha política cultural posible.
Os obxectivos do encontro son os seguintes:
1. A convivencia entre creadores e profesionais en activo.
2. Analizar a situación local da creación contemporánea co obxectivo de identificar as problemáticas políticas e económicas que lle están a afectar.
3. Proporcionar un espazo de encontro e traballo para a construción e organización colectiva de coñecementos e recursos que poidan aportar solucións a curto, medio e longo prazo, para as problemáticas identificadas.
4. Proporcionar aos participantes e cidadáns un lugar de acceso directo a redes de traballo e recursos comúns aínda non consolidados.
5. Reflexionar cos participantes sobre os usos das principais infraestruturas do territorio galego dedicadas á creación e a produción cultural contemporánea.
Co fin de fomentar a convivencia entre os distintos participantes durante as dúas xornadas do Encontro é condición necesaria o envío dun correo-e a encontrooffculturadecidade@gmail.com, manifestando a vontade de participación e indicando:
• O nome e actividade da persoa ou colectivo interesado.
• Tres problemáticas concretas actuais que se considere están a afectar ao seu traballo no eido artístico ou cultural.
A data límite para o envío de propostas será o 5 de setembro de 2011.
A estrutura das xornadas artellarase en breves presentacións dos participantes, identificación de problemáticas a abordar, reparto de tarefas, constitución de mesas de traballo, elaboración de informes colectivos e conexións en liña con recoñecidos profesionais e expertos para a solución de dúbidas técnicas, legais e profesionais de carácter puntual. Ademais, no marco do Encontro terá lugar o programa Patio Aberto, onde se dará a tódolos creadores a oportunidade de expoñer publicamente os seus propios proxectos artísticos. Os interesados en participar neste programa deberán indicalo no seu correo-e de presentación e agardar a resposta do equipo de coordinación, que resolverá calquera cuestión sobre a exhibición dos proxectos.
Damos desde aquí a benvida aos participantes que forman parte deste proxecto que se encadra nas accións da cultura de base destinadas a intervir na política cultural en Galicia.
Máis información e o programa do Encontro na súa wiki.
