• strict warning: Declaration of views_attach_plugin_display_node_content::options_submit() should be compatible with views_plugin_display::options_submit(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_attach/views_attach_plugin_display_node_content.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_handler_filter_node_status::operator_form() should be compatible with views_handler_filter::operator_form(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/modules/node/views_handler_filter_node_status.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_bonus_plugin_style_panels_twocol::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_bonus/panels/views_bonus_plugin_style_panels_twocol.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

Arte/Cidade. Entrevista a Nelson Brissac

Arte/Cidade. Entrevista a Nelson Brissac por Daniel López e Víctor E. Pérez

O coñecemento de Nelson Brissac anima a conversas amplas. Falar do proxecto Arte/Cidade é falar de Sao Paulo, pero tamén da realidade urbana contemporánea, tan dinámica alí como nos pequenos núcleos galegos. Prácticas artísticas e arquitectónicas non convencionais que xeran novas formas de pensar o espazo urbano. Nelson Brissac (Sao Paulo, 1951) é Doutor en Filosofía pola Sorbona de París. Investiga as relacións entre arte, urbanismo e industria. É profesor do Departamento de Comunicación e Semiótica da PUC de Sao Paulo e desde 1994 dirixe o programa Arte/Cidade, que actús sobre o espazo público da cidade de Sao Paulo. En Compostela estivo o pasado mes de setembro de 2009 para participar nas xornadas Arte+Espazo público, organizadas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG.

188 Fotografía: Tamara de la Fuente

 

 

 

 

 

 

 

Vostede é un bo coñecedor dos procesos complexos que interveñen en grandes cidades como São Paulo, que supera os 20 millóns de habitantes. Cales cre que son os elementos fundamentais que caracterizan o fenómeno urbano actual a esa escala?

A cuestión clave de São Paulo nos últimos 10 anos é como a cidade se reorganizou para novas funcións económicas debido a integración do Brasil na economía global. Brasil, e os países de América Latina en xeral, até o inicio dos anos 80, tiñan economías moi nacionais. Había unha forte presenza de empresas doutros países, mais non unha real integración comercial e corporativa na economía internacional. Con esa incorporación ao modelo global máis terciario, houbo unha súbita desindustrialización da cidade que desestruturou a súa trama urbana. Até os anos 70 a industria era pesada, non se podían desprazar, pero as fábricas actuais son moito máis lixeiras e flexibles, poden marchar facilmente para onde hai menos sindicatos, menos impostos e mellores comunicacións cos portos, é dicir, fóra das grandes cidades. As megalópoles son agora centros financeiros, lugar das sedes de corporacións e encontros empresariais, e iso necesita menos xente e menos espazo. A poboación desempregada concéntrase en áreas estritas das grandes cidades, onde residían os traballadores da industria, pero a transformación na funcionalidade desas zonas afecta á dinámica de toda a megalópole.

Vostede dirixe Arte/Cidade, programa de proxectos artísticos que se inxiren no espazo público de São Paulo. Nel hai sempre unha fase de investigación, previa aos propios proxectos, que consiste na elaboración de documentos sobre as zonas a intervir. Nesta primeira fase, o obxectivo non é tanto obter instrumentos para a planificación desas zonas como facer un mellor recoñecemento da súa realidade urbana. Que importancia ten este estudo previo no proxecto global?

O urbano é un campo fluído, estase reelaborando constantemente e gaña connotacións distintas ao longo do tempo. O centro histórico dunha cidade ten unha función nun momento concreto, pero esa función pode perder importancia a medida que a cidade medra para outros lados. O significado dese centro entra daquela en crise e a súa función social tamén. Todo isto fai que mapear esa dinámica urbana sexa un traballo constante. As investigacións previas de Arte/Cidade tentan apuntar precisamente cara a esa disimetría que caracteriza as cidades actuais. Facerlles percibir ás persoas que o seu deseño é desigual, non homoxéneo senón heteroxéneo. Isto sitúanos nun desafío inicial. Os estudos de cidades son moi convencionais.

A que se refire?

As escolas de arquitectura e urbanismo teñen como referente académico a idea moderna dunha cidade máquina, unha cidade funcional…, e iso é inútil para entender as cidades actuais, que son fragmentadas, feitas de conxuntos e partes que non necesariamente se integran facilmente e que poden desenvolver culturas urbanas distintas. Os arquitectos e urbanistas non teñen repertorio para lidar con iso, a administración pública non consegue ter planos urbanos axeitados. Daquela, unha parte fundamental do proxecto Arte/Cidade é precisamente inventar novas formas de mapear e comprender os procesos urbanos. É unha fase que levou moito tempo, entre un ano e dous anos, tan só dedicados a esa investigación.

Cada edición de Arte/Cidade traballa cunha zona diferente de São Paulo, o que lles permite abordar problemáticas que se concentran por diversas razóns nese lugar, pero que poden ser comúns a outros lugares da cidade ou incluso a outras megalópoles contemporáneas. Non obstante, poida que o que marque a diferenza en canto a xestión e a produción dos proxectos non sexa a súa localización, senón o distinto que resulta abordar problemáticas de carácter social (poboacións excluídas, formas de supervivencia, …) ou intervir no espazo físico (prazas públicas, fábricas abandonadas, …). Supoñemos que a incidencia real dos proxectos artísticos cando se trata de cuestións, digamos, materiais, pódese demostrar e avaliar con certa facilidade, pero suscita moitas máis dúbidas cando se trata de intervencións no ámbito do social.

Non obstante, as dúas opcións teñen en común unha cousa: o carácter altamente experimental de tódalas iniciativas. Todas elas traballan no sentido de desenvolver un repertorio contra o xa establecido como práctica social, como práctica de enxeñería ou como práctica de arquitectura. Traballan nun campo lonxe do equilibrio e da estabilidade dos procesos e materiais habituais. Pensemos por exemplo no proxecto do artista Krzysztof Wodiczko, que traballou no deseño dun carriño adaptado ás necesidades da xente que recolle papel e cartón polas rúas de São Paulo.

Unha tecnoloxía creada para as marxes da produción económica…

Crear un carriño para os cartoneiros é crear unha tecnoloxía que está entre o útil e o inútil, entre o funcional e o disfuncional. Recoller papel é unha disfuncionalidade; teoricamente non debería existir esta actividade como profesión. Entón, desenvólvese un equipamento, unha utilidade, que está no limbo da produción económica e que polo tanto ten que xogar coas características dese proceso inestable; non se pode facer ese carro coa mesma lóxica que un automóbil da Renault. Medir canto ese carriño é eficiente ou non eficiente, se é positivo ou non é positivo para os seus usuarios, é secundario. O significado do carriño pode non estar no aparato propiamente dito, senón no recoñecemento social dun modo de existencia. 250.000 persoas recollen papel na cidade de São Paulo. Para a burguesía que conduce o seu automóbil pola rúa esas persoas son o obstáculo, atrasan o tránsito, son un problema… e non un cidadán.

A cidade na que nos atopamos, Santiago de Compostela, semella estar moi lonxe dese nivel de conflitividade social propio de macrourbes como São Paulo. Podería parecer que os proxectos como Arte/Cidade que, como vostede indica, contribúen a detectar e coñecer mellor a realidade dun lugar, teñen menos potencia en contextos máis pequenos e menos tensionados como é o compostelán.

Este Arte/cidade que presentei tiña como cuestión de fondo ás poboacións socialmente excluídas, pero non necesariamente esa relación é a principal. Houbo outras edicións de Arte/cidade ligadas con outras cuestións. Por exemplo, houbo unha enteiramente dedicada ao destino do centro antigo, no que máis que a poboación informal, traballabamos cunha cuestión histórica, simbólica. Noutra edición o tema clave foi o momento da privatización dos transportes ferroviarios…Entón hai distintas formas de accionar e combinar intereses de forma creativa. A relación dun cidadán cun prestador de servizos, co sistema ferroviario ou unha empresa, non ten que ser só de consumidor. A articulación pode ser máis rica.

De que modo?

En calquera cidade, sexa São Paulo ou Compostela, pódese crear unha instancia onde a cooperación entre administración pública, comunidades, empresas e servizos, xere un axenciamento diferente, un novo intercambio onde, arredor dun problema ou dun proceso específico, haxa prácticas sociais máis innovadoras. Ningún espazo urbano é simple. Simplemente porque ten moitos axentes, moitas cousas ocorrendo simultaneamente. É evidente que hai espazos urbanos máis homoxéneos, menos tensos, con ocupacións máis definidas. Pero sempre poden sufrir reconfiguracións que alteren a súa estabilidade.

Sen dúbida, un deses elementos que mudará por completo a fisionomía e as dinámicas de Santiago é a Cidade da Cultura. Vostede visitou as obras recentemente; cal cre que será a influencia dun equipamento cultural de tales dimensións nunha urbe como esta?

Máis que na propia Cidade da Cultura, eu focalizaría a atención nesas estratexias de ligamento entre o monumento, alí, e a cidade, aquí. O espazo entre o monte onde están a facer a Cidade da Cultura e o núcleo urbano, uns anos atrás, non significaba practicamente nada. Hoxe, pola contra, tornouse un espazo estratéxico. Como se vai facer esa articulación, que vai acontecer entre un lugar e outro… Ese espazo físico é agora unha especie de metáfora da necesidade de articular a Cidade da Cultura co restante, non só en canto á súa articulación espacial urbanística, senón tamén en canto á súa articulación cultural, política, social, programática… De feito, a famosa idea do teleférico é extraordinaria como metáfora das posibilidades de relación entre dúas cousas distintas. É unha asociación que se fai polo aire, sen arriscarse a tocar ese espazo agora conflitivo. En certa maneira, Arte-Cidade sempre lidou con este tipo de cousas. Os espazos intersticiais, o que ocorre no espazo intermedio, e non o lugar en si. O monumento en si ten un formato moi definido, xa está delimitado, hai pouco marxe para a innovación nesa rixidez. Non obstante, o espazo entre dous elementos é un baleiro indefinido onde todo pode ocorrer.

Hai unha clara tendencia a nivel global a construír grandes infraestruturas culturais como parte importante de operacións urbanísticas de moito calado. A idea de deseñar o futuro, de proxectarse cara adiante, herdada do Proxecto Moderno, está aínda moi presente no urbanismo, e os equipamentos culturais concíbense como resposta ao que está por vir máis que como análise do presente. Como ve a evolución na forma de pensar as cidades e que papel cre que debe xogar a Arte e a Cultura nesa tarefa?

O Proxecto Moderno entendía a cidade como unha operación racional, como o resultado dunha visión integrada de futuro. A cidade de Brasilia é o exemplo máis claro. Deséñase partindo de cero, cunha visión aérea. O arquitecto, coma Deus, traza unha cruz no plano e constrúe unha cidade para ser vista desde o avión, ou como unha maqueta. As persoas teñen que se adecuar a esta planificación. Prevalece a idea de que a arquitectura é capaz de modificar o home e ensinar novas formas de vida. O proxecto contemporáneo, pola contra, recoñece que é incapaz de influír na cidade a ese nivel.

E como actuar entón sobre o urbanismo?

Hoxe o urbanismo actúa máis no enclave, remove un pequeno núcleo e esquece o demais, crea mecanismos para que un poida vivir só nese núcleo sen ter que atravesar o resto da cidade. Nese sentido a Arte está comprometida cunha operación de segmentación urbana, de compartimentación, e non máis coa idea moderna de unificación. En tódalas grandes cidades, desde Londres a São Paulo, os investimentos fanse nunha área pequena da cidade e os museos conviven con torres corporativas, bos restaurantes… As infraestruturas culturais danlles calidade de vida ás persoas que teñen acceso a esa área, unha área ben enlazada co aeroporto, que se comunica globalmente por internet, pero que non precisa lidar co resto da cidade. O papel deses grandes museos é servir de áncora para revalorizar zonas urbanas decadentes.

Como no caso do Guggenheim, en Bilbao…

O Guggenheim de Bilbao é unha operación inmobiliaria, non artística, non ten nada que ver coa arte, e os artistas non poden pensar que a súa obra transcende esa realidade. Por exemplo, a escultura de Richard Serra foi altamente privilexiada no Guggenheim de Bilbao. Unha sala enteira foi deseñada pensando nesa estrutura metálica. Non obstante, até ese momento, todo o traballo de Serra partía dunha visión crítica do contexto onde a obra era emprazada. Boa parte das súas pezas no espazo público redimensionan a nosa experiencia da situación urbana, aguzando, tensionando aínda máis o espazo. O artista creaba formas de obstrución, incluso dificultando a operación de paso ou observación, forzando a un a se dislocar lateralmente. No Guggenheim fíxose o espazo adaptado á obra, eliminando calquera posibilidade de conflito. Ese é o maior risco que corre a Arte: servir como exemplo de que tódalas tensións se poden aplacar, de que toda complexidade se pode reducir á calma. A arte debe experimentar sen ter pleno control do que vai acontecer, buscar situacións fóra do convencional e o establecido, apuntando liñas de fuga e evitando que a súa potencia se patrocine.


 Esta entrevista foi publicada no nº155 de Tempos Novos, de abril de 2010.