II Encontro Off Foro Internacional de Espazos para a Cultura
Continuando co xeito de facer do I Encontro Off de artistas novos da Cidade da Cultura, o vindeiro martes 8 de novembro convocamos a un visionado público e debate do I Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre os días 8 e 10 de novembro. Como proposta de traballo que xa quedara plantexada nas sesións do primeiro encontro, trataremos a construcción colectiva dun mapa físico e dixital de relacións de poder do sector cultural en Galicia. Para elaborar este mapa de poder, comezaremos a debuxar as relacións persoais e profesionais dos principais axentes culturais, empresariais e insitucionais cos que estamos en relación, incluíndonos a nós mesmos e as nosas relacións e posicións de poder.
A voltas co espazo público
Xa se pode descargar da Mediateca do Consello da Cultura Galega o Informe Arte+Espazo público. Neste volume, recompílanse as reflexións dos participantes nas xornadas Arte+Espazo público (Simón Marchán Fiz, Sophie Hope, Nelson Brissac, Rogelio López Cuenca, Javier Tudela, Xosé Manuel Rosales e Pablo Gallego Picard) e inclúense novos artigos a cargo de Camilo Franco, Antón Patiño e Carme Nogueira. A edición tamén inclúe unha reportaxe audiovisual sobre os barrios de Santiago de Compostela, as súas características espaciais e os seus conflitos sociais.
