II Encontro Off Foro Internacional de Espazos para a Cultura

Continuando co xeito de facer do I Encontro Off de artistas novos da Cidade da Cultura, o vindeiro martes 8 de novembro convocamos a un visionado público e debate do I Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre os días 8 e 10 de novembro. Como proposta de traballo que xa quedara plantexada nas sesións do primeiro encontro, trataremos a construcción colectiva dun mapa físico e dixital de relacións de poder do sector cultural en Galicia. Para elaborar este mapa de poder, comezaremos a debuxar as relacións persoais e profesionais dos principais axentes culturais, empresariais e insitucionais cos que estamos en relación, incluíndonos a nós mesmos e as nosas relacións e posicións de poder.

A voltas co espazo público

Xa se pode descargar da Mediateca do Consello da Cultura Galega o Informe Arte+Espazo público. Neste volume, recompílanse as reflexións dos participantes nas xornadas Arte+Espazo público (Simón Marchán Fiz, Sophie Hope, Nelson Brissac, Rogelio López Cuenca, Javier Tudela, Xosé Manuel Rosales e Pablo Gallego Picard) e inclúense novos artigos a cargo de Camilo Franco, Antón Patiño e Carme Nogueira. A edición tamén inclúe unha reportaxe audiovisual sobre os barrios de Santiago de Compostela, as súas características espaciais e os seus conflitos sociais.

A situación dos medios escritos en galego

O vindeiro martes 22 de marzo ás 18:00 Baleiro acolle a mesa redonda A situación dos medios escritos en galego. Análise e perspectivas, organizada polo Centro de Estudios y Análisis Social de Galicia coa participación do Prof. Dr. Luís Álvarez Pousa, Manuel Rivas García, o Prof. Dr. Juan Luís Pintos de Cea-Naharro e o Dr. Juan R. Coca. Agardamos a vosa presenza.

En estado crítico. Sobre políticas e economías da Arte no eixe noroeste

O vindeiro xoves 17 de marzo Baleiro acolle a presentación do libro En estado crítico. Sobre políticas e economías da Arte no eixe noroeste, editado por LIBA e que xorde a raíz das xornadas Roteiro en estado crítico, celebradas en Maio de 2009. Nelas debateuse sobre políticas e economías da arte no eixe noroeste e máis polo miúdo sobre a situación galega. Na publicación participan José Andrés Santiago Iglesias, José María Durán Medraño, Miguel Anxo Rodríguez, Beli Martínez Martínez, María Magán, Ania González Castiñeiras, Martín Caeiro, María Marco, Joan Morera Arbones, Mar Caldas, Renata Outeiro e Andrea Jambrina.

Laboratorio Hermético de Performance

A través da canle directa da Universidade de Santiago de Compostela (http://tv.usc.es/directo) temos o pracer de convidarvos á retransmisión do Laboratorio Hermético de Performance, que acontecerá durante os días 22, 23 e 24 de febreiro en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas ininterrumpidamente.

A cidade interpretada. Encontro con Pablo Fanego

Desde Baleiro gustaríanos convidarvos a un encontro co comisario Pablo Fanego. O evento terá lugar o venres 12 de novembro ás 19:30 en Baleiro. Como sabedes, Pablo ven de presentar a segunda edición de A Cidade Interpretada. A nosa intención é establecer unha charla sobre o proxecto de arte pública que naceu en 2006 nas rúas de Santiago de Compostela e que desde outubro de 2010 podemos desfrutar de novo. Así mesmo, tentaremos achegar outras reflexións máis amplas como o papel dos comisarios fronte as políticas culturais ou a situación do espazo público na Galiza, polo que nos gustaría contar coa vosa presenza e opinións.